Primeros líderes del Open Gallego XCO

Primeros líderes XCO

O Open de Galicia – Anova 2017 de Cross Country Olímpico (XCO) alzou o pano en Ferrol con moita chuvia e con dous contundentes triunfos nas súas probas elite. Lucía Vázquez (Prorebordosa) situouse como primeira líder da xeral feminina e Saúl López da masculina. A vitoria do representante do Academia Postal – Actyon púxolle o broche de ouro a unha gran xornada do seu clube, que subiu ata en cinco ocasións ao máis alto do podio.

Noela Saa e Marcos Lema en cadetes, Abel Franco nos juniors e Raúl González nos sub23 completaron o repóker de éxitos do conxunto de Maceda. Os vencedores no resto de categorías foron Carlota Cañamero (Coruxo) nas juniors, Diego Rey (Caimanes de Betanzos) nos master-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos master-40 e José Ramón Castelo (Castro Barbudo) nos master-50 e 60.

O Clube Ciclista Ferrol encargouse da organización do Trofeo BTT de Rallie Cidade de Ferrol, que na súa sexta edición reuniu a 186 participantes na parroquia de Brión. O circuíto de 5 kilómetros de lonxitude sufriu os efectos dunha tarde desapacible e o barro foise acumulando ao longo do seu trazado.

Nestas adversas condicións, Saúl López impuxo o seu momento de forma na carreira Elite e Sub23 masculina. O biker do Academia Postal – Actyon chegou a Ferrol tras asinar a anterior fin de semana o oitavo posto no Open de España en Valladolid. A pasada campaña non puido facerse coa xeral do certame autonómico, pero o representante da formación ourensá foi o elite que máis vitorias acumulou.

Manuel Ángel Parada non lle puxo nada fácil a vitoria. O corredor do Barbanzabike obrigou a López a non relaxarse ata os metros finais. A diferencia entre ambos na liña de meta foi de 40 segundos e o terceiro posto ocupouno a gran revelación desta carreira, Aquiles Sordo (Caimanes de Betanzos).

Monólogo sobre o barro

Na proba raíña feminina a actual campioa autonómica desta modalidade rodou en solitario practicamente dende o pistoletazo inicial. Lucía Vázquez non tivo rival nun circuíto que para a vilaboense resultou “moi bonito e divertido, pero en cada volta estaba máis embarrado e máis perigoso. Esvaraba bastante nas subidas e descubríanse moitas raíces e pedras. De feito, ata tiven unha caída”.

A biker do Prorebordosa portugués estivo acompañada no podio por Nuria Senra (Os Eskornabois) e Zaida González (Cidade de Lugo), segunda e terceira respectivamente. “Teño un calendario bastante complicado porque estou facendo as dúas copas de Portugal, tanto de maratón como a de XCO. Intentarei participar nalgunha proba máis, pero todo o Open non o podo facer”, apuntou Vázquez, que nesta cita non puido medir forzas con Lara Lois, gañadora do Open de Galicia 2016, recentemente lesionada.

Cun calendario que esta temporada presenta trece carreiras puntuables, o gran certame galego de XCO vivirá a súa segunda xornada o vindeiro 8 de abril coa celebración do IX BTT Concello de Poio.

Foto: Luz Iglesias

Documentos: