ENDURO: VIGO BIKE CONTEST
Son os campións de España de Enduro porque o pasado mes de outubro Toni Ferreiro e Desirée Duarte, gañaron a proba que repartía os títulos nacionais en Huesca. Pero é que cada carreira que disputan demostran que a día de hoxe son imbatibles por baixo dos Pirineos.
Desirée, acaba de terminar a tempada de ciclocross, dominando o calendario autonómico ao alimón coa súa nai e case sen deixar recuperar o seu corpo xa está lanzada a por unha tempada de enduro na que quere dominar as probas nacionais e debutar no calendario internacional. A vitoria desta mañá nos montes de Vigo foi contundente. 5 tramos cronometrados, 5 vitorias, aínda que a rider de Salceda comentaba non estar do todo contenta co seu ritmo nos 3 primeiros tramos. Desirée busca a perfección e non se conforma con simplemente gañar. A lusa Ana Leite, pelexou pero tívose que conformar coa segunda praza. Mentres que terceira praza leváballa a viguesa Tamara Méndez nunha dura loita coa madrileña Silvia Sampedro.
Toni Ferreiro xa anunciou que este ano ten un calendario moi cargado e que poucas carreiras vai facer en España, pero a carreira do VigoBikeContest, é a da súa casa e na que sempre lle gusta estar presente.
Hoxe non deixou aos seus rivais respirar. O numeroso público que se achegou aos montes de Vigo vibrou coas 5 vitorias nos 5 tramos cronometrados de Toni. Mauro González Fontán, outro rider que chega do ciclocrós e que cada día atópase máis cómodo no enduro colocouse segundo na clasificación xeral mentres que o terceiro chanzo do podio era para o tamén vigués Pablo Míguez.
Os riders locais brillaron polo gran nivel que atesouran e porque souberon aproveitarse do coñecemento dos tramos. Os riders chegados de fóra en busca dos puntos que se repartían para clasificarse nas Enduro World Series do 2018, fóronse marabillados con montes locais e coa contorna, pero o máis próximo aos mellores rexistros foi Markel Uriarte, recordman mundial de 1 hora facendo o caballito, que non pasou da decimocuarta posición.
Información: Marketing-RP3
Comentarios recientes