O calendario de estrada ponse en marcha nunha fin de semana con dobre cita de altura no BTT

VIII CIRCUITO TEENSE / TROFEO CONCELLO DE TEO

Esta fin de semana será a primeira do 2017 que combine competicións de estrada e de BTT. O asfalto entra en escena coa disputa do VIII Circuíto Teense, mentres que os montes de Ames acollerán a segunda proba puntuable da Transgalaica de Cross Country Maratón (XCM) e os de Vigo a VigoBikeContest de Enduro.

A apertura do calendario de estrada terá como protagonistas ás categorías Junior e Máster. O Clube Ciclista Teo organiza este domingo a oitava edición dunha carreira na que se darán seis voltas a un circuíto de 14 kilómetros. O bandeirazo de saída está previsto ás 10:30 en Rarís, onde tamén estará situada a chegada. Esta cita é a primeira puntuable para os Rankings FGC de Estrada.

VigoBikeContest e Transgalaica

As modalidades de BTT xa se puxeron en marcha hai varias semanas e a resposta en canto á participación está sendo sobresaínte. A VigoBikeContest superará este domingo o récord galego de riders que en febreiro acadou a Toyota Nipocar en Ponteareas. Nesta ocasión serán 240 os competidores que se concentren no evento promovido polo Singletrack Outdoor Sports. A partir das 09:00 horas comparecerán na liña de saída, entre outros, os actuais campións de España elite Toni Ferreiro (Coruxo-Merida) e Desiree Duarte (CondadoBike).

A proba olívica será nesta edición clasificatoria para as Enduro World Series  e por motivos axenos á organización trasládase da parroquia de Coruxo á de Saiáns. Será a segunda cita do 2017 puntuable para o Ranking FGC desta especialidade.

Pola súa banda, no XCM xa se disputaron tres carreiras puntuables e a deste domingo será a segunda pertencente ao Circuíto Transgalaica. Na cita inaugural en Cotobade impuxéronse nas categorías elite Saúl López (Maceda) e Lucía Vázquez (ProRebordosa).

O pistoletazo inicial en Ames darase ás 9:30 horas e o número de corredores inscritos supera os 300. O C. C. Os Esfola Arrós preparou un circuíto de 33 kilómetros que arrancará e rematará no Pazo da Peregrina.

Por último e fóra do aspecto competitivo, O Clube Ciclista Negreira organiza este domingo a I Ruta BTT Filloa de Pedra.