Open Galicia BTT 2017 – Descenso do Xalo
Catro modalidades de BTT volverán contar este ano co seu Open autonómico en Galicia e o primeiro en poñerse en marcha é o de Descenso (DHI). Esta fin de semana dispútase no concello coruñés de Culleredo a sexta edición do Descenso do Xalo. Emoción e espectáculo garantidos cos riders buscando os primeiros maillots de líderes do certame coordinado pola Federación Galega de Ciclismo.
O School Riders Team organiza esta cita nun trazado que no 2015 foi o escenario do campionato autonómico. O sábado pola mañá, das 10:00 ás 13:30 horas, será o momento para os adestramentos libres e pola tarde, das 15:00 ás 19:00 horas, para os oficiais. O domingo a quenda clasificatoria celebrarase a partir das 10:30 e a final arrancará ás 12:30 horas. O prazo para inscribirse a través da web www.magmasports.es péchase este xoves ás 22:00 horas.
O Open de Galicia DHI – Anova consta de catro xornadas puntuables. Despois da súa apertura en Culleredo, o certame chegará o 30 de abril á localidade pontevedresa de Marín co IV DH Kamikazes e regresará á provincia da Coruña para vivir as súas dúas últimas probas: o 11 de xuño o IX DH Papoi en Ferrol e o 9 de xullo o II DH Porto de Son – Rompetiño.
A pasada campaña os gañadores das clasificacións finais foron Alejandro Paz (Compostelano) nos cadetes, Jorge Panizo (Bici Verde) nos juniors, Sergio Peleteiro (XBikes) nos Sub23, Luís Manovel (Rumblebikes) nos Elite, Alejandro Vila (Laesport) nos máster-30, Marcos Araújo (MR Bikes) nos máster-40 e Lucía Lodeiro (DH Galicia) na categoría feminina.
Nas próximas semanas tamén botarán a andar os Open Galicia de Enduro, Cross Country Olímpico (XCo) e Cross Country Maratón (XCM). Os calendarios definitivos destas tres especialidades aínda non se pecharon de xeito oficial. Unha das novidades nesta temporada será a incorporación da firma de maquinaria Anova como colaboradora oficial dos Open.
VIII Ruta Enduro Medela
A axenda do ciclismo autonómico nesta fin de semana complétase cun evento cicloturista. O domingo terá lugar no municipio lucense de Cervo a oitava edición da Ruta Enduro Medela. A marcha comezará ás 9:30 horas, nas inmediacións da piscina de Lieiro, e o percorrido deseñado polo Clube Medela MTB será dunha dificultade media alta sobre unha distancia de 35 kilómetros e cun desnivel acumulado de 1.300 metros.
Comentarios recientes